Martes. 30.04.2024

O Concello de Cerceda está a notificar por correo postal aos propietarios de 1.375 parcelas do municipio a necesidade de limpalas para cumprir a normativa de xestión da biomasa. Este requerimento está respaldado por un informe elaborado polo Seaga (Servizo Agrario Galego), unha sociedade mercantil pública autonómica, no marco do convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública.

Neste sentido, Seaga revisou o estado das parcelas dentro da área de protección das poboacións de Cerceda, é dicir, nunha distancia inferior a 50 metros de calquera núcleo rural.  Así, detectou 1.375 terreos que incumpren a normativa e cuxos titulares deben proceder a cortar e retirar a maleza e as especies arbóreas máis combustibles coma piñeiros, eucaliptos, toxos, silvas ou fentos.

Nas cartas emitidas polo consistorio estipúlase a superficie afectada e faise unha estimación do custe económico das actuacións a realizar. Ademais, a administración local ponse á disposición dos propietarios afectados, que poden acudir á casa consistorial para informarse sobre cuestións como a localización da parcela que incumpre a normativa, a área afectada e o procedemento que se seguirá para acometer os traballos oportunos.

Dende o Concello fan fincapé na importancia da limpeza das fincas como prevención contra os incendios forestais. Lembran que ao liberar o monte de combustible vexetal, facilítase o labor aos servizos de extinción de incendios, minorando a velocidade de extensión e protexendo as aldeas e a veciñanza das lapas.

De non realizarse a limpeza, as multas oscilan dende os 100 euros ata os 100.000 se a situación pasa a considerarse crónica.