Luns. 29.04.2024

O alumnado participante no obradoiro de emprego medioambiental Torre Goiáns III do Concello de Boiro realizou labores de acondicionamento no parque da Cachada. O alcalde, José Ramón Romero, visitou o lugar para coñecer de primeira man o traballo do alumnado.

“Estes traballos son o inicio dun saneamento integral que se vai realizar na Casa da Cultura coa ampliación do auditorio, mediante unha subvención Next Gereration, e tamén a súa contorna, coa mellora de camiños e iluminación do parque que se completará ao longo desta lexislatura”, afirmou o alcalde.  Entre os traballos que realizaron nesta contorna natural salienta o saneamento de exemplares do arboredo con sospeita de sufrir enfermidades ou con risco de caer, ademais de labores de acondicionamento das zonas axardinadas.

A formación está dividida en dúas especialidades con 10 persoas matriculadas en cada unha. Por un lado, a especialidade de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e, polo outro lado, repoboacións forestais e tratamentos silvícolas. O alumnado recibe formación teórica e práctica en espazos naturais do Concello, xa que contan cun contrato de traballo para formación e aprendizaxe a tempo completo de 40 horas semanais.

Este obradoiro está financiado por unha subvención de 531.046,20 euros da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia para a realización de obradoiros de emprego na comunidade.