Luns. 29.04.2024

O Concello de Cedeira presentou tres proxectos á convocatoria de axudas para iniciativas de desenvolvemento local participativo (EDLP), xestionada polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Mariña-Ortegal, con financiamento do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Agricultura. Trátase de tres programas en tres anualidades que suman un orzamento de 190.557 euros, dirixidos a fomentar a economía azul e sostible.

En primeiro lugar, a administración local presentou o proxecto Respira Cedeira, cun gasto previsto de 54.680,92 euros, dirixido a fomentar o descubrimento da riqueza do litoral a través dun programa composto por catro rutas tematizadas. Así, preténdese poñer en valor o patrimonio natural, arquitectónico e inmaterial vencellado ao mar e aos oficios pesqueiros e mariñeiros.

En segundo lugar, o proxecto Coidamos Cedeira, cun orzamento de 74.201,75 euros, centrado na conservación dos recursos pesqueiros, marisqueiros e acuícolas. Neste caso, o Concello contará coa colaboración da Confraría de Pescadores, a Sociedade Galega de Historia Natural e a asociación Arce. Así, abrangue a realización de obradoiros no CEIP Nicolás do Río, a organización dun certame escolar, unha xornada divulgativa e un programa de captación de investigación universitaria.

Finalmente, o municipio presentou o proxecto Cedeira Mar de Vida, cun orzamento de 61.674,72 euros, enfocado á promoción de hábitos saudables a través do consumo de alimentos de proximidade, concretamente procedentes da pesca local, así como a actividade física. Neste sentido, realizaranse varios obradoiros co alumnado do IES Punta Candieira, varias saídas coa rapazada polo territorio e organizarase un certame escolar. Con este proxecto, preténdese que a mocidade traballe como transmisora dos hábitos saudables e que as actividades teñan un efecto multiplicador nas súas familias.