Sábado. 27.07.2024

A piscina municipal de San Sadurniño iniciará a tempada de verán o luns 17 de xuño, aínda que na fin de semana anterior xa poderán gozar dela a rapazada participante no torneo de fútbol organizado polo CF San Sadurniño. Para preparar as instalacións, o Concello está realizando traballos de enchido, limpeza e posta a punto.

A piscina permanecerá aberta ata o 8 de setembro, con posibilidade de estirar a temporada un pouco máis dependendo da meteoroloxía. Así pois, o departamento de Deportes abrirá o martes 11 de xuño o prazo para solicitar os abonos individuais e familiares e para preinscribirse nos cursos de natación.

O horario de baños libres será de 15:00 a 21:00 h pola semana e de 14:00 a 21:00 h os sábados, domingos e festivos. A escola municipal de natación, que arrancará o 3 de xullo, desenvolverase os mércores e venres a partir das 11:00 h, ofertando durante os dous meses centrais do verán as actividades de iniciación e perfeccionamento, sempre que se xunte un mínimo de participantes.

VARIAS OPCIÓNS DE PREZO

As entradas individuais para baños libres, que se collerán cada día na cantina da piscina, será de 3,78 euros para adultos e 1,90 euros para menores de 14 anos. Porén, a administración local recomenda mercar un abono, que resulta máis económico.

Neste sentido, o abono de tempada para maiores de 18 anos empadroados será de 33,43 euros; mentres que o das persoas non empadroadas ascenderá ata os 42,99 euros. Pola súa banda, o abono para familias de ata catro membros, con polo menos a metade dos membros empadroada no municipio, será de 59,71 euros. No caso de que menos da metade estea empadroada, o prezo ascende a 71,65 euros. No tocante a familias de máis de catro membros, cada persoa a maiores suporá un aumento no prezo de 5,97 euros, independentemente do empadroamento.

En canto aos cursos de natación, os nenos e nenas empadroadas poderán adquirir un bono mensual de 14,33 euros. No caso de rapazada non empadroada, o prezo será de 17,91 euros. No tocante ás clases de natación para persoas maiores de 14 anos, as empadroadas pagarán 23,88 euros ao mes, mentres que as non empadroadas deberán aboar 29,86 euros.