Sábado. 27.07.2024

A Deputación da Coruña sacou a licitación pública a redacción do proxecto e dirección da obra dun aparcadoiro disuasorio na contorna das Fragas do Eume, no Concello da Capela, ao que destina un investimento de 13.078,39 euros, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea – NextGenerationUE.

O adxudicatario do contrato debe planear unha obra que recolla a implantación dunha lanzadeira eléctrica, aparcadoiros disuasorios e melloras da mobilidade do Parque Natural Fragas do Eume, seguindo o Plan de Sostibilidade Turística en Destino Fragas do Eume.

Esta licitación ten un dobre obxectivo. Por un lado, reducir o uso do vehículo privado no parque natural; polo outro, solucionar a problemática no referente ás prazas de estacionamento dispoñibles para  visitantes, especialmente durante os meses de verán.

DETALLES DA OBRA

A proposta planea unhas obras de urbanización cun orzamento de licitación estimado de 146.921,61 euros. A actuación realizarase nunha parcela situada no Concello da Capela, no lugar das Neves, que linda co c entro de saúde e o parque municipal, desde onde se ofrece un acceso directo ao Parque Natural das Fragas do Eume.

A área de intervención prevista é de 2.350 metros cadrados, onde se construirá un aparcadoiro disuasorio con materiais de construción sostibles, deixando o 20-25% da superficie para zonas de terreo vexetal, permitindo a correcta infiltración das augas. O espazo deberá dispoñer de prazas para persoas con mobilidade reducida e para o estacionamento de turismos, motocicletas e bicicletas.

Ademais, contará con prazas para oito caravanas e espazos para dar servizo aos seus usuarios. como tomas de auga e sumidoiros conectados á rede de evacuación municipal ou contedores de recollida selectiva de lixo. A maiores, haberá un punto de recarga para dous vehículos eléctricos de forma simultánea.

LANZADEIRA ELÉCTRICA ÁS FRAGAS DO EUME

Unha vez rematadas as obras do aparcamento disuasorio, o proxecto contempla o subministro dun vehículo eléctrico de transporte público para trasladar aos visitantes ata o parque natural das Fragas do Eume.

O obxectivo é reducir as emisións de CO2, a contaminación acústica que produce o tránsito continuo de vehículos de combustión e a xeración de residuos dentro do Parque Natural das Fragas do Eume. Ao mesmo tempo, lograrase unha mellor ordenación do tráfico, eliminando os problemas de estacionamento que se producen especialmente durante a época estival.