Luns. 29.04.2024

O Concello de Ferrol aprobou o nomeamento de novos profesionais para os postos da Coordinación Xeral, a Dirección da Asesoría Xurídica e a Dirección Xeral de Urbanismo, unha vez concluído o prazo de presentación de candidaturas.

Así, a xunta de goberno local aprobou designar como coordinador xeral a Manuel Vázquez, funcionario con 15 anos de experiencia na Administración local e con habilitación de carácter nacional de categoría superior. O candidato nomeado foi interventor nos Concellos de Arteixo, Ferrol e Lugo e exerceu de subdirector xeral de xestión económica da Consellería de Política Social, entre outras funcións laborais.

No tocante á Asesoría Xurídica do Concello de Ferrol, o goberno local nomeou como directora a Ana María Vázquez, funcionaria do Concello da Coruña con máis de 15 anos de experiencia profesional no ámbito xurídico. A avogada foi titular de diversos postos de técnico da Administración Xeral e Especial en distintos municipios, salientando a prestación de servizos en Santiago e A Coruña, municipios de gran poboación con regulación similar a Ferrol.

En canto á área de Urbanismo, a executiva local designou como director xeral a Benito José Calvo, arquitecto técnico e graduado en enxeñería con máis de 20 anos de experiencia profesional na Administración local. Ademais de ser voceiro da zona de Ferrol no Colexio de arquitectura técnica da Coruña, é arquitecto técnico municipal de Ares, onde tramitou o Plan Xeral de Urbanismo.

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, comentou que se trata de “tres funcionarios públicos que contan con décadas de experiencia, coñecementos e profesionalidade, algo que resulta fundamental para estes postos”. Así mesmo, o rexedor matizou que é “un paso máis” na reorganización municipal para mellorar o funcionamento do Concello. “Continuará co incremento de novos funcionarios para garantir unha atención de calidade aos veciños e facer realidade os grandes proxectos de transformación da cidade que comezamos”, engadiu finalmente Rey Varela.