Luns. 29.04.2024

O Concello de San Sadurniño empregará os 107.311 euros procedentes do Plan de mellora de camiños municipais e do Fondo Ambiental no arranxo da rede viaria e a ampliación da rede de abastecemento municipal. Máis concretamente, trátase de dúas partidas autonómicas, unha de 73.238 euros dirixida á reparación de pistas e outra de 34.073,20 euros coa que se ampliará o servizo de auga municipal ata os núcleos de Gunduriz e Coruxa. Xa cos proxectos redactados, o consistorio iniciará proximamente o procedemento de licitación de ambos contratos.

MELLORA DA REDE VIARIA

No tocante á partida para reparar vías, investirase en aglomerar o tramo que enlaza a Pena da Meda co lugar do Cando, en Igrexafeita, nunha lonxitude de 1.170 metros; e en asfaltar unha pista adxacente que conecta co Couce. Esta actuación é un dos proxectos presentados ao Plan Complementario, á espera de que a Deputación da Coruña liberase financiamento. Non obstante, ante a publicación da convocatoria do Plan de camiños da AGADER, o Concello axeitou o proxecto para presentalo e adiantalo. Así, orzamentouse tamén o asfaltado doutros 250 metros no núcleo da Coruxa e 255 en Rupiallo, na parroquia de San Sadurniño. 

O importe total da intervención ascende a 88.617,93 euros. Desta contía, 73.238 sufragaranse a través do Plan de camiños, mentres que os 15.379,97 euros restantes, correspondentes ao IVE, serán asumidos polo Concello.

AMPLIACIÓN DO ABASTECEMENTO
Por outra banda, San Sadurniño tamén ten consignados 34.073,20 euros do Fondo Ambiental da Xunta de Galicia a partir do canon das empresas eléctricas con instalacións eólicas, que debe destinarse a investimentos cun alto compoñente de sostibilidade. Neste sentido, investirase esta achega á ampliación do abastecemento de auga municipal aos lugares de Gunduriz e Coruxa, en San Sadurniño, conectándoos co ramal executado recentemente no Rupiallo.

Ademais tamén se contempla instalar unha unidade de presión no depósito do Camiño Arriba, para garantir un bombeo efectivo nos puntos máis elevados da nova rede. O total desta intervención acada os 36.281,72 euros, impostos incluídos.