Luns. 29.04.2024

O Concello de Cedeira adxudicou as intervencións nas rúas Viveiro e Cerdido por un importe de 41.600 euros, financiados co Plan Complementario da Deputación da Coruña, e un prazo de execución de dous meses. Máis en detalle, procederase á mellora do firme e da rede de pluviais de ambas vías urbanas. Estas obras enmárcase no proxecto de implantación da rede separativa de saneamento no municipio, coa que pretenden reducir custos e aumentar a eficiencia do tratamento de augas residuais nas depuradoras.

En canto á rúa Viveiro, paralela a Amor Hermoso, conta actualmente cunha rede unitaria de saneamento. Así pois, as actuacións abranguen todo este viario e parte da transversal Cerdido. En primeiro lugar, anularanse dous sumidoiros existentes, para posteriormente instalar 257 metros dunha nova rede de recollida de augas pluviais. Ademais conectaranse as baixantes dos edificios e unha nova rede de residuais con 13 pozos de rexistro e dous colectores. Tras estes traballos, reporase o firme en todo o ámbito de actuación.