Luns. 29.04.2024

O Concello de San Sadurniño recibirá unha axuda de máis de 134.000 euros para financiar varios postos do seu cadro de persoal. Trátase de varias liñas da Deputación da Coruña para financiar os custes de contratación do persoal municipal, así como o programa de integración laboral PEL Concellos, deseñado para favorecer a empregabilidade de persoas con dificultade para atopar emprego.

Máis en detalle, o municipio percibirá 53.800 euros no capítulo de Servizos Comunitarios, a repartir en tres apartados: 18.000 euros para o financiamento de postos de administración C1 e C2, 22.000 euros para persoal técnico de categoría A2 e 13.8000 euros para cofinanciar os salarios das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar. Ademais, o Concello tamén podería aspirar a unha subvención para a contratación da técnica de Igualdade, cunha achega de 22.000 euros.

Pola outra banda, San Sadurniño obterá outra achega provincial de 30.000 euros a través de dúas convocatorias distintas para sufragar a partes iguais os custes salariais dos dous técnicos municipais de xestión cultural e deportiva.

Finalmente, o PEL Concellos concederá 28.000 euros a San Sadurniño para dous contratos temporais de 5,5 meses para labores de limpeza, recollida do lixo e apoio ao departamento de Obras e Servizos.