Domingo. 28.04.2024

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, e o tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, reuníronse co secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, para presentarlle o proxecto do novo polígono industrial. No encontro valoraron diferentes actuacións para mellorar a dispoñibilidade do solo empresarial no Barbanza.

“Esta actuación é prioritaria para o goberno ribeirense”, afirmou o rexedor. “É preciso xerar novos postos de traballo e facilitarlle a tódalas empresas que se queiran instalar en Ribeira un espazo axeitado para desenvolver a súa actividade”.

O Concello de Ribeira, promotor do polígono industrial, está levando a cabo as expropiacións definitivas, paso previo para avanzar co proxecto de urbanización e “dar un pulo a esta actuación tan importante que supón un investimento próximo aos 13 millóns de euros”, explicou o alcalde. O Concello de Ribeira solicitará tamén a axuda da Consellería para o reforzo e extensión de redes de distribución eléctrica dos parques empresariais.

Durante a presentación do proxecto ante a Consellería de Industria, estudáronse vías de cooperación e financiamento para a actuación, que abrangue máis de 158.000 metros cadrados útiles que servirán ao asentamento do tecido industrial. “Precisamos que tódalas administracións competentes na materia se impliquen e que a Xunta de Galicia comprometa recursos para facer viable este polígono”, matizou o rexedor, engadindo que a Deputación comprometeuse a mellorar a estrada de acceso que conectará o polígono coa autovía do Barbanza.

Segundo o tenente de alcalde, o equipo de goberno está dándolle un impulso importante a este proxecto para poñelo en marcha canto antes e “evitar a fuga de empresas”.