Martes. 30.04.2024

O Concello de Ferrol poderá contratar a nove profesionais grazas á subvención do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña, o programa de axudas á contratación de persoal para a execución de obras e servizos municpais. Así, o ente provincial achegará 75.000 euros, mentres que a administración local aportará o resto do custo, que ascende a 157.615 euros.

Neste sentido, o Concello solicitara nove traballadores para dúas áreas. Máis en concreto, cinco auxiliares de biblioteca, dous peóns de obras e dous oficiais de obras. Así, o consistorio presentou a solicitude para dous postos máis que o anterior goberno.

Para axilizar o proceso, o goberno local adiantouse á tramitación administrariva da subvención e comezou o proceso de selección de persoal o pasado mes de xaneiro, permitindo así que os profesionais se incorporen a finais de marzo ao seu labor.

 

DETALLES DOS POSTOS

No caso dos auxiliares da biblioteca, prestarán servizo na xestión da Rede Municipal de Bibliotecas do Concello de Ferrol, confirmando a aposta do goberno local por ofrecer un horario continuo e conforme á demanda dos usuarios da biblioteca.

No caso dos peóns e oficiais de obra, realizarán traballos relacionados co mantemento e conservación de instalacións municipais de uso público, destinadas a actividades varias, como deportivas ou de bibliotecas. Ademais, executarán actuacións de mellora nos accesos a núcleos de poboación.