Martes. 30.04.2024

O Concello de Boiro proxecta arranxar un camiño de acceso a parcelas agrícolas no lugar de Nine, na parroquia de Cespón, cos fondos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), convocados para anualidade 2024-2025. O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, detallou a actuación proxectada durante unha visita ás obras que se están a executar con este programa no lugar de Cariño, na parroquia do Castro.

No tocante ao proxecto que se pretende executar este 2024 no lugar de Nine, céntrase na mellora do firme e a recollida de pluviais. Máis concretamente, preténdese rehabilitar a superficie mediante a aplicación dunha nova capa de rodadura asfáltica e incorporar unha rede de recollida de pluviais que evite as escorreduras de augas da choiva.

En canto ás actuacións en execución no lugar de Cariño que visitou o rexedor, o investimento ascende a 76.862,55 euros, cofinanciados mediante o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER); e divídense en dous tramos. Por unha banda, o treito que chega á igrexa e cemiterio do Castro, no que se executou a rede de pluviais e se ampliou a sección asfaltada 2 metros. Pola outra banda, o tramo que percorre o núcleo rural de Cariño dende o entronque coa DP-1107, no que se está a renovar o pavimento asfáltico, que presentaba un alto deterioro.

“Estas actuacións permítennos levar a cabo proxectos nos núcleos rurais das distintas parroquias, mellorando os servizos e seguridade nos tramos sobre os que se actúa e favorecendo á vertebración do territorio”, sinalou o alcalde.