Xoves. 09.05.2024

O Concello de Cedeira publicou a licitación da redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), documento que dictará o desenvolvemento urbanístico do municipio. O actual data de 1995 e axústase á lexislación de 1992, mentres que o futuro rexerase pola vixente Lei do Solo Galega.

O contrato ten un orzamento de licitación de 257.188,76 euros e un prazo de catro anos. Debido á complexidade do proceso e para respectar os tempos, o prego de condicións establece que o tempo de excución dos traballos deixará de correr cando o plan estea pendente das tramitacións nas diferentes administracións estatal, galega e municipal, dende a data de solicitude ata a resolución de dito trámite.

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, salientou que o expediente foi aprobado por unanimidade e instou á cidadanía e grupos políticos a implicarse no proceso. “Pretendemos sacar adiante un documento participado e de consenso para definir o urbanismo do futuro do noso pobo”, matizou o rexedor.

Para lograr dita colaboración, crearanse mesas de participación, entre elas dúas específicas de igualdade e xuventude. O obxectivo, segundo o alcalde, e garantir que todos os ámbitos de interese teñan voz á hora de decidir os futuros espazos municipais.

A maiores, a redacción do PXOM levará aparellada a realización dunha cartografía do territorio segundo o modelo de datos de sistemas de información xeográfica (SIX) e un estudo ambiental estratéxico.

O plazo de presentación de ofertas para a redacción do PXOM de Cedeira estará aberta a través da Plataforma de Contratación do Sector Público ata o vindeiro 13 de marzo.