Venres. 19.04.2024

Altri, empresa portuguesa de fibras téxtiles elixiu Palas de Rei para instalar a súa empresa na nosa comunidade. En palabras do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo “o proxecto Next Generation máis importante da candidatura galega aos fondos europeos”.

O proxecto contará cun investimento de 800 millóns de euros e creará máis de 2.500 empregos directos e indirectos, sendo a únida fábrica de fibras téxtiles de España. O biocomplexo industrial producirá pasta de celulosa para fabricar Iyocell a partir de madeira de bosques certificados.

Tras unha reunión co CEO da empresa, José Soares de Pina, Feijóo afirmou que con esta decisión, froito da análise técnica exhaustiva por parte de Altri, “dáse un paso fundamental para avanzar neste proxecto, cumpríndose así, ademais, coa solicitude feita de xeito unánime polo Parlamento galego para que a fábrica se asentase na provincia de Lugo”.

O titular do Goberno galego concluíu agradecendo a Altri a decisión de investir en Galicia, cun proxecto co que a Comunidade aspira a sumar o 3% da produción mundial de fibra sostible.

DÍA HISTÓRICO PARA PALAS” DI O REXEDOR

Pablo Taboada, alcalde de Palas de Rei, afirmaba o día que recibía a nova que “é un día histórico para a nosa vila e para a Comarca da Ulloa así como tamén para os municipios da nosa zona. Dos máis de 40 emprazamentos posibles que se analizaron para a súa instalación escolleuse o noso. Foi polas súas condicións de dispoñibilidade de recursos hídricos e terreo suficiente para dar cumprida resposta as súas necesidades”.

Taboada engadía que “o asentamento de Altri en Palas supoñerá unha notable revitalización económica no interior de Galicia. Quero agradecer os esforzos da Xunta de Galicia e do seu presidente Alberto Nuñez Feijoó, así como o Parlamento de Galicia polas súas xestións na encomenda de dar preferencia á provincia de Lugo para a materialización do seu asentamento”.