Sábado. 18.05.2024

O Concello de Ribeira segue apostando pola conservación e difusión entre a cidadanía dos documentos custodiados no Arquivo Histórico Municipal. Por iso, desde o Concello, acaban de anunciar o inicio dos traballos de dixitalización de 90.000 páxinas máis dun arquivo físico que se atopa custodiado na última planta do edificio da policía local.

Estes traballos sumaranse aos 83.000 documentos xa dixitalizados e que están a disposición do público de forma gratuíta na plataforma Galiciana da web municipal (https://www.ribeira.gal/arquivo-historico-dixital-de-ribeira).

Entre a documentación, posterior a 1862, e a unha parte da cal xa pode acceder a veciñanza, atópanse as actas da comisión municipal permanente, actas de pleno, padróns, rexistros de salvoconductos, ordenanzas municipais, rexistros de entrada e saída de buques ou algúns máis específicos como as actas da xunta soberana da revolución de 1968. A maior parte da documentación do arquivo é posterior ao 10 de abril de 1862, data na que un incendio destruíu a totalidade do arquivo histórico que se atopaba na casa consistorial.

Este investimento do Concello de Ribeira cos traballos de dixitalización do arquivo, está subvencionado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e cofinanciada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder.

Estes traballos forman parte da forte aposta do Concello de Ribeira pola conservación e difusión do seu patrimonio histórico y cultural, e súmanse a diferentes proxectos de descripción e dixitalización documental que están a desenvolver desde o Concello.