Domingo. 05.05.2024

Hoxe, luns 4 de xullo, as 25 embarcacións que participan na II Ruta Rías Baixas, organizada polo Real Club Náutico de Portosín, polo Monte Real Club de Yates de Baiona e pola Asociación Camiño de Santiago Muros-Noia, iniciaron esta mañá desde os pantaláns do MRCY, a primeira etapa dun percorrido de 120 millas náuticas que as levará de peregrinación por mar ata Compostela.

A iniciativa, que conta con varias etapas percorrendo augas de Combarro, Rianxo, A Pobra, Muros ou Portosín, ten un carácter lúdico, turístico e ao mesmo tempo deportivo, cuxas principais finalidades son a divulgación da cultura mariñeira, promover o turismo náutico, impulsar o deporte da vela e dar a coñecer as potencialidades das augas e dos peiraos galegos.

Nesta segunda edición, cubríronse todas as prazas, un total de 25 que estableceu a organización para ofrecer aos participantes unha experiencia de calidade. As tripulacións partiron esta mañá desde o MRCY de Baiona, nunha primeira etapa de 30 millas con destino Combarro, na Ría de Pontevedra. Mañá martes 5 de xullo, as embarcacións tomarán rumbo Rianxo, completando as 32 millas que conforman esta segunda etapa. E, o mércores 6 de xullo, rematarán a travesía en A Pobra do Caramiñal, completando preto de 120 millas por mar, polo que os participantes poderán conseguir a Compostela, para a que hai que facer un mínimo de 90 millas náuticas.