Domingo. 05.05.2024

O Auditorio de Ribeira, que completou todo o aforo, ovacionó ao alumnado da Escola Municipal de Ballet despois da súa interpretación da obra dramática Soño dunha noite de verán de William Shakespeare no festival de clausura do curso 2021-22. 

Un cento de alumnas danzaron baixo a música de Felix Mendelssohn cunha coreografía adaptada pola directora da escola, Cristina Riveiro, e durante unha hora desenvolveron un espectáculo cunha trama na que dúas amigas se disputan a amizade e simpatía dunha fada nun ambiente máxico poboado por elfos, trasnos e vagalumes. 

Ao remate da interpretación, a concelleira de Cultura, María Sampredro, entregou ás bailarinas os seus diplomas acreditativos e felicitounas polo seu talento; á súa profesora por "deleitarnos coa beleza desta actividade e animounas a seguir esforzándose para que o ano que vén nos volvades brindar o voso bo facer", incidiu a edil.

Sampedro lembrou que este festival, que hai dous anos non se celebraba, forma parte da programación do Xuño da Cultura e as Artes, presentado a primeiros de mes, no que participan máis de 50 entidades, e que "é o mellor escaparate para mostrar o traballo cultural e artístico local".