Domingo. 05.05.2024

Xa están en marchas as obras da primeira fase da remodelación do entorno portuario de Palmeira: unha iniciativa impulsada pola Consellería do Mar a través de Portos de Galicia, en coordinación co Concello de Ribeira, en base ao anteproxecto deseñado polo arquitecto David Chipperfield e a Fundación RIA.

A execución desta intervención persegue a mellora da mobilidade e accesibilidade na contorna do porto, ao tempo que permitirá renovar a imaxe da dársena e facela máis operativa para os profesionais do mar e atractiva para os veciños e visitantes.

A empresa adxudicataria que está efectuando as obras é Vilariño Esp, S.L.U. A actuación comporta un investimento de 675.320,75  euros e ten un prazo de execución de oito meses.

O proxecto prevé a reordenación do tráfico e do estacionamento na zona, a recuperación do vínculo co mar e a planificación e deseño do espazo público. Con estas medidas contribúese a eliminar barreiras visuais que impiden gozar plenamente da paisaxe mariñeira e achégase a vila ao mar, para o desfrute de veciños e visitantes de xeito compatible coa actividade portuaria.

As obras desta fase supoñen a intervención nun espazo de 2.000 metros cadrados e en preto de 400 metros en liña da fachada marítima. As actuacións inclúen a mellora do espazo público e da mobilidade mediante a ampliación da zona peonil a carón do mar, sobre a coieira existente, e eliminando a barreira visual que supón o actual muro de peche.

A maiores, crearanse balcóns de pedra e gradas integradas no noiro do paseo, ordenarase a circulación rodada con pasos de peóns elevados e renovaranse os pavimentos e o mobiliario urbano buscando reforzar a súa calidade estética, duración e homoxeneidade dos materiais.