Domingo. 05.05.2024

O pasado 19 de setembro a organización do VI Concurso de Tapas Azul de Portosín procedeu a recontar as papeletas depositadas polos clientes, o 17 de setembro, que valoraron os diferentes petiscos que  se presentaron a un concurso posto en marcha pola Asociación de Empresarios de Portosín (AEP) e a Cofraría de Pescadores de San Andrés e que contou co apoio do Concello de Porto do Son.

Unha coca de xurelo con base de naranxa e maionesa de algas, elaborada pola Casa do Tella e Rosalía foi o petisco que recibiu maior número de votos, e polo tanto foi o gañador desta nova edición dun certame que o Concello calificou de “exitoso e delicioso”.

A tapa gañadora elaborouse no restaurante que está situado na Praza do Curro, no porto de Portosín, nunha construción de 1860 que nos seus comezos empregábase como fábrica de salazón e vivenda, e o seu nome é unha homenaxe aos seus primeiros propietarios, Tella que era mariñeiro e a súa dona Rosalía, filla de emigrantes vascos que se asentaron na parroquia de Goiáns. As súas especialidades son o pescado fresco e as carnes á grella.

O resto de participantes, que tiveron como protagonistas dos seus petiscos o surelo ou a sardiña foron O Bodegón Pescador, tamén situado no porto, e que presentou unha sardiña andaluza con maionesa de aguacate; a Parrillada A Nosa Ría cun xurelo ao forno; o restaurante O Noso Bar e a súa empanada de millo de sardiña e o restaurante Portofino que ofreceu unha tosta de sardiña con vinagreta de fresa e tosta de xarda con teriyaki cin melocotón.

Desde o Concello parabenizaron á Casa do Tella e Rosalía polo seu triunfo, e tamén gabaron aos organizadores, pola boa acollida que tivo a iniciativa entre a veciñanza. 

Ademais, o concurso contou durante toda a xornada con pasarrúas, sesión vermú, xogos populares na Praza do Curro, charangas e unha verbena a cargo do dúo Charada que pechou esta nova edición.