Domingo. 05.05.2024

O Auditorio Municipal de Ribeira acolleu a clausura da novena edición do Xuño da Cultura e as Artes coa entrega de diplomas e agasallos ás máis de 50 entidades do municipio como asociacións, colectivos, agrupacións, centros educativos, fundacións, parroquias... que colaboraron no desenvolvemento dun programa, organizado polo Concello, que acercou á veciñanza, ao longo do mes de xuño, un amplo abano de actividades culturais, para todos os públicos e de todos os xéneros, con música, teatro, literatura, folclore ou baile, entre moitas outras.

Manuel Ruiz, alcalde de Ribeira, presidiu a entrega de diplomas dunha iniciativa que busca visibilizar ao longo de 30 días o traballo que fan a prol da cultura as asociacións, colexios, clubes, comisións de festas, servizos municipais e outras agrupacións e entidades do municipio. O acto tamén contou coa intervención de María Sampedro, responsable do departamento de Cultura encargado da organización e coordinación do programa.

A clausura desta novena edición do Xuño da Culturas e as Artes contou tamén coa actuación da Coral Polifónica Municipal de Ribeira, que interpretou catro temas ao lonngo da gala que rematou coa foto familia de todos os participantes. O rexedor expresou a súa confianza en que o vindeiro ano se poida celebrar esta clausura no novo Auditorio Municipal que se está a construír na praza do Centenario.

Interpretación dunha peza pola Coral Polifónica Municipal de Ribeira
Interpretación dunha peza pola Coral Polifónica Municipal de Ribeira

O proxecto Xuño da Cultura e as Artes naceu con tres obxectivos fundamentais: poñer en valor o traballo cultural do tecido social do concello, amosar a cultura na rúa a través de diversas actividades culturais de todas as disciplinas artísticas e organizar alomenos unha actividade cultural e artística ao día durante todo o mes de xuño

.