Domingo. 05.05.2024

O Concello de Boiro conxuntamente coa Fundación Deportivo da Coruña vén de anunciar a apertura do prazo para inscribirse na quinta edición do Dépor Campus que terá lugar entre os días 11 e 15 de xullo nas instalacións municipais de Vista Alegre da localidade do Barbanza. A concelleira de Deportes, Dores Torrado, que estivo acompañada polo responsable do campus Pablo Barros e polo directivo do EFM Boiro, Julio García, informou de que os interesados en participar nesta iniciativa pódense anotar ata o vindeiro 7 de xullo.

O campus está dirixido a nenos e nenas de 6 a 14 anos que do 11 ao 15 de xullo, en horario de 10.00 a 14.00 horas, baixo a supervisión e organización de adestradores e persoal técnico do Deportivo da Coruña, coñecerán os métodos deportivos de adestramento empregados polo club herculino na súa canteira, practicarán técnica e exercicios físicos, ademais de realizar outro tipo de actividades para fomentar valores positivos como o compañerismo, o traballo en equipo, a puntualidade...

Dores Torrado explicou durante a presentación que o campus ten tamén a finalidade, ademais de que os nenos e as nenas practiquen deporte, de favorecer a conciliación das familias durante a época estival, e incidiu en que todos os interesados en participar pódense anotar a través da web do Dépor Campus.  

"Boiro ten un nivel deportivo moi alto e para nós é un orgullo que un club como o Deportivo conte con nós para levar a cabo esta actividade cada ano", sinalou Julio García da Escola de Fútbol Municipal de Boiro.