Domingo. 05.05.2024

Un total de vinte alumnos e alumnas participan no obradoiro de emprego Tahúme VIII que promoven conxuntamente o concello de Ribeira e o de Porto do Son. Esta oitava edición será dual xa que serán impartidas dúas especialidades distintas, por un lado, operacións básicas de cociña e pastelería e, por outro, confección e montaxe de artes e aparellos.

Na inauguración do obradoiro, que tivo lugar no Centro Cultural Lustres Rivas, estiveron presentes María Sampedro, concelleira de Cultura do Concello de Ribeira, e Manel Deán, concelleiro de Emprego en Porto do Son. Ambos deron a benvida á vintena de alumnos que integran o Tahúme VIII e destacaron a importancia destes cursos formativos para chegar ó mercado laboral cunha preparación axeitada.

A especialidade de Operacións básicas de cociña e pastelería será cursada por 12 alumnos e a de Confección e montaxe de artes e aparellos, por oito. Ambos cursos constarán dunha fase inicial que se imparte no edificio do Mercado Municipal de Ribeira e dunha segunda fase na que os alumnos de artes e aparellos trasladaranse ó Viveiro de Empresas de Porto do  Son. A duración deste obradoiro dual é de un ano.