Domingo. 05.05.2024

As obras dirixidas a ampliar a liña de abastecemento da avenida da Paz, situada dentro da parroquia de Palmeira na saída da autovía AG-11, xa están en marcha.

Esta actuación recaeu na empresa ExcavacionesNima, S.L., e supón un investimento de 46.752,92 euros, IVE incluído.

O obxectivo fundamental destas tarefas de abastecemento é rematar cos problemas de escaseza de subministro de auga que se producen con certa frecuencia na época de verán nas zonas altas da parroquia de Palmeira e na avenida da Coruña en Ribeira. Tales problemas están motivados fundamentalmente polo notable aumento de poboación en datas estivais co conseguinte incremento de consumo nas zonas baixas, provocando que chegue menos caudal ás zonas de maior cota.

Para solucionar estas eivas estase a crear unha conexión directa da liña de auga que descorre pola estrada DP-7310 ata a autovía AG-11 procedente do depósito de Moldes, adonde chega desde o río Ulla, coa rede de abastecemento existente no lugar da Carballa.

Ademais comezouse a instalación de 509 metros de tubería de polietileno de alta densidade con 110 milímetros de diámetro e 16 de presión nonimal, unha válvula de comporta, unha válvula de vaciado, unha ventosa e unha conexión en carga á rede existente na parte superior e un entronque convencional na parte inferior.

A liña será instalada en zanxa polo arcén da estrada de acceso á autovía agás no tramo de paso superior existente, onde para non afectar á estrutura, se colocará superficialmente no arcén próxima á varanda e protexerase cunha capa de formigón. A actuación está enmarcada no POS Adicional 1/2019.