Sábado. 27.07.2024

O alumnado traballador participante no Obradoiro de Emprego en xestión forestal Torre Goiáns dispón xa do vestiario e maquinaria para desenvolver as tarefas de formación práctica en espazos naturais como é a finca do Pazo de Goiáns.

A formación deste obradoiro está dividida en dúas especialidades: Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes e Repoboacións Forestais e Tratamentos Silvícolas. O alumeando participante recibe formación específica en xestión forestal, teórica e práctica, á vez que se forma en competencias xenéricas no desenvolvemento de habilidades e busca de emprego.

O alumnado traballador dispón xa do vestiario específico e equipos de protección individual, así como a maquinaria e ferramenta necesaria para poder comezar coa formación práctica das titulacións, que se vai levar a cabo na contorna da finca do Pazo de Goiáns e noutros espazos naturais do termo municipal.

O Concello de Boiro desenvolve o Obradoiro de Emprego en xestión forestal Torre Goiáns – Boiro, no que participan un total de 20 alumnos e alumnas divididos nas dúas modalidades, e que conta co financiamento da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, ao abeiro das axudas e subvención para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia.