Sábado. 18.05.2024

A Consellería de Infraestruturas inicou os traballos para a construción dunha rotonda no final da estrada do faro de Corrubedo: unha actuación destinada a mellorar a regulación do tráfico viaria propiciando o cambio de sentido en condicións seguras e que posúe carácter previo a que se formalice o traspaso pola Xunta de Galicia ao Concello de Ribeira da estrada AC-303 entre este punto e Laxe da Gata no acceso a esta parroquia.

A nova infraestrutura, situada no punto quilométrico 8+140 estando desprazada á parte esquerda da vía tal e como se aprecia no plano inferior, ten un radio de once metros. Está previsto que ao seu carón se acondicione unha parcela para prazas de aparcamento.

Ademais, cómpre lembrar que o Plan de Turismo Sustentable do Concello de Ribeira 2022-2022 consigna unha partida de 100.000 euros de fondos Next Generation para a humanización dos espazos exteriores do faro de Corrubedo.