Sábado. 18.05.2024

O alcalde vén de aprobar o decreto de liquidación do orzamento municipal de Ribeira correspondente ao exercicio do 2021, que de boa saúde financeira da administración local.

 Así, os fondos líquidos do Concello ascendían a 31 de decembro de 2021 a 8.635.934,50 euros e o resultado orzamentario axustado (é dicir, a diferenza entre os dereitos liquidados durante o exercicio e as obrigas recoñecidas durante ese mesmo período) arroxou un resultado positivo de 1.652.228,89 euros.

 No que se refire ao remanente xeral de tesourería, este foi de 17.772.657,97 euros, mentres que o remanente axustado para gastos xerais se elevou ata os 5.762.410,94 euros.

Tales cifras permiten a incorporación ao presente exercicio dun remanente de crédito que ascende a 2.636.503,66 euros, o que posibilitará entre outras iniciativas a concesión de novas axudas ou a financiación de actuacións en beneficio da cidadanía.

Entre estas últimas, figuran algunhas como a creación dun novo Espazo Urbano Deportivo Xuvenil na zona do Touro (inclúe unha pista de skate que está sendo deseñada polo arquitecto especializado Daniel Yabar), a adecuación do antigo Pub Tótem como nova Escola de Ballet, a apertura dun novo vial de conexión entre a rúa Barbanza e a rúa Estatuto por detrás do novo Auditorio, ou seguir realizando obras de accesibilidade e accións de embelecemento e humanización de espazos públicos.