Sábado. 18.05.2024

A Biblioteca Municipal será o epicentro da programación educativa e cultural de abril do Concello de Ribeira e que inclúe contacontos, proxeccións de cinema, xornada de portas abertas da Universidade de Santiago (USC) ou diferentes espectáculos, entre outras actividades orientadas á rapazada, ás familias e ao público en xeral, tal e como explicou a concelleira de Educación, Juana Brión, durante a presentación do programa.

Os sábados, a biblioteca haberá espectáculos de narración oral como contacontos e coa finalidade de que as familias coñezan mellor as instalacións municipais e o servizo de préstamo de libros.

Tamén os sábados, no Centro Lustres Rivas, será a quenda dos Sábados de Conto que comezaron o pasado día 2 de abril con O ladrón de paraugas baseado na publicación infantil de Xosé Lueiro. O seguinte, o día 9 de abril (12.00 horas), será Vén a conto de Raquel Queizás e O tranvía de Leonardo de Fantoches Baj. Pecha o ciclo de contacontos Unha árbore vén a vernos de Anxo Moure no parque Periurbano de San Roque a partir das 12.00 horas.

Enfocado ao eido educativo, organízanse tres pases do filme gañador do Goya á mellor película de animación, Valentina. O primeiro pase será o día martes 5 de abril ás 10.00 horas; o segundo (10.00 horas) e o terceiro (12.00 horas) serán o mércores 6 de abril. Polo enorme interese que o filme tivo nos colexios, o Concello convidou á directora da película, Chelo Loureiro, que estará no último pase e responderá ás preguntas dos alumnos e profesores, sobre unha película que vén cunhas guías didácticas centradas na igualdade de xénero e diversidade e coas que xa traballaron nos centros educativos do municipio.

A USC Camiña, xornada de portas abertas da USC dirixida aos alumnos de bacherelato de toda a comarca, terá lugar no Auditorio o 7 de abril (10.00 a 20.00 horas), e o reitor Antonio López será o encargado da inauguración dunha xornada centrada e dar a coñecer aos estudantes a oferta educativa da USC e na que participarán os alcaldes de toda a comarca do Barbanza.

Durante a presentación, a concelleira anunciou que, dentro do IV Ciclo da USC de seminarios, Camiños de coñecemento e experiencia 2022, que desenvólvese no Centro Cultural Lustres Rivas os días 18, 21, 25, 28 de abril e está enfocado a maiores de 50 anos, o xoves 7 de abril o profesor e divulgador científico, Jorge Mira, impartirá unha charla, Como escolle parella o animal que levas dentro, no Auditorio Municipal ás 18.00 horas.