Domingo. 03.03.2024

Durante os próximos días poderán solicitarse un composteiro individual e material accesorio coa fin de participar de forma activa no programa de compostaxe impulsado polo Concello de Ribeira.

 Neste senso, hai a disposición un total de 85 composteiros de 300 litros de capacidade coa fin de repartilos entre as familias interesadas. Tamén se distribuirán cadanseus caldeiros de lixo de 30 litros, paquetes de 150 unidades de bolsas compostables e aireadores.

Agora, o Concello abre un prazo de presentación de solicitudes cun modelo de formulario que se pode descargar da páxina web (www.ribeira.gal) para que a cidadanía poida solicitar a participación no programa de compostaxe individual.

 CRITERIOS DE SELECCIÓN

O primeiro criterio de prioridade para o reparto dos composteiros individuais destinados a compostaxe doméstica será que os solicitantes tivesen participado e finalizado o curso de formación en “Compostaxe individual e comunitaria do Concello de Ribeira”, impartido ao efecto a principios de 2021.

 O segundo criterio de prioridade será a data e hora de presentación no Rexistro do Concello da solicitude, a contar dende a data de apertura do prazo.

 Ao respecto da idoneidade, no caso dos solicitantes de material destinado á compostaxe individual, será requisito imprescindible que vivan nunha vivenda con terreo que permita a instalación do composteiro e o seu correcto funcionamento. Porén, admitiranse as solicitudes presentadas para segundas residencias que reúnan o requisito de dispoñer de terreo, sempre e cando o tempo de permanencia nelas supere o 25% do ano. Só se admitirá unha solicitude de participación por familia.

 Admitiranse solicitudes presentadas por cidadáns que non realizaron o curso formativo, suxeitas a dispoñibilidade de material e co compromiso de recibir a formación adecuada por parte do persoal designado polo Concello ao efecto.

 Só se admitirán as solicitudes presentadas por cidadáns empadroados no Concello de Ribeira, e o destino do material que se o destino do material que se entregue deberá ser este termo municipal.