Sábado. 27.07.2024

O Concello de Boiro executa as obras para a instalación dunha estrutura cuberta tipo pérgola no acceso aos campos de fútbol de Vista Alegre. O alcalde, José Ramón Romero, e a concelleira de Deportes, Dores Torrado, visitaron as instalacións para coñecer o proxecto.

No acceso aos campos de fútbol municipais de Vista Alegre non existe ningún tipo de abrigo ás inclemencias meteorolóxicas. Con esta actuación o que se pretende é a execución dun espazo cuberto de 5 metros de ancho por 20 de lonxitude para abrigar tanto a zona de entrada como a zona de tránsito entre os dous campos de fútbol. A cuberta será de policarbonato e con protección solar.

Ademais da pérgola, vanse levar a cabo outras actuacións para a mellora dos servizos na instalación, como son os vestiarios. “É fundamental para a práctica deportiva contar con instalacións axeitadas, polo que seguimos traballando para mellorar os inmobles municipais”, afirma o alcalde.

“Esta actuación permite crear unha cuberta que sirva de abrigo das inclemencias meteorolóxicas ás familias no momento para a entrada e saída dos nenos e nenas nas instalacións deportivas de Vista Alegre”, afirmou a concelleira de Deportes. O orzamento das obras, que xa foron adxudicadas, ascende a 48.329,78 euros do remanente de tesourería.