Sábado. 27.07.2024

O Concello de Boiro leva a cabo unha serie de xuntanzas veciñais en todas as parroquias para coñecer as demandas dos veciños e veciñas. Estes encontros coa veciñanza, que reciben o nome de “Un café co alcalde”, teñen como obxectivo establecer un contacto directo entre a cidadanía e a administración. O alcalde, José Ramón Romero, e os concelleiros do goberno Luis Ruiz, Raúl Treus e Marcos Fajardo asistiron ao encontro celebrado en Escarabote.

Unha vintena de veciños e veciñas participaron nesta xornada na que lle trasladaron ao alcalde e concelleiros demandas como a mellora e aumento de beirarrúas, así como da accesibilidade e seguridade na estrada principal. O alcalde adiantoulle á veciñanza asistente os proxectos nos que, dende o goberno local, se está a traballar para a parroquia de Lampón e entre os que están o aumento dos espazos de estacionamento, a mellora da iluminación e outras actuacións de pavimentado no núcleo de Escarabote e nas aldeas da parroquia.

Esta iniciativa de participación cidadá busca complementar as xuntanzas individuais que o alcalde mantén cos veciños e veciñas que así o solicitan e coñecer aquelas demandas e necesidades comúns da parroquia e os distintos núcleos de poboación. O alcalde e os concelleiros agradeceron a implicación da veciñanza nestas xuntanzas posto que “son moi beneficiosas para facernos chegar todas aquelas demandas ou necesidades que hai nun lugar determinado de xeito directo”.


 

O Centro Social de Escarabote acolleu unha nova edición do encontro veciñal “Un café co...