Domingo. 05.05.2024

O Concello de Rianxo vén da anunciar a posta en marcha dun proxecto de tres anos para o mantemento dos xacementos arqueolóxicos do municipio, e que xa iniciou cos primeiros traballos de limpeza dos xacementos no Monte Picouto e no Monte Pelotiño, no que é unha primeira actuación como proxecto piloto. 

Desde o Concello lembran que estes traballos abranguen unha zona especialmente rica en xacementos, onde predominan as mámoas e os petróglifos, para os que se trazou un plan para garantir con medios propios do Concello a limpeza da contorna, eliminando a matogueira inmediata e facendo desbroce. Os traballos estarán dirixidos por un equipo de arqueólogos que coordinan limpezas manuais en moitos casos, xunto outras mecánicas onde é posíbel sen que afecte o xacemento.

A zona está situada entre Leiro e Isorna ata Asados, desde Os Mouchos a Monte Picouto. Inclúe a Foxa Vella, Os Campiños e o Monte Pelotiño, con mostras relevantes de grande interese histórico.

Desde o Concello queren agradecer aos propietarios dos terreos, tanto particulares como comunidades de montes que deron o seu permiso para iniciar un proxecto que foi aprobado por Patrimonio, organismo co que xa se avanzou no seu desenvolvemento. Hai varios anos o Concello xa realizara unha limpeza importante e procúrase a continuidade deste labor, así como reivindicar a súa declaración como BIC.