Domingo. 05.05.2024

Uns vinte escolares da Escola de Educación Infantil Fernández Varela, coñeceron de primeira man e tiveron unha toma de contacto con mundo do marisqueo, nuns obradoiros impulsados pola Concellería de Turismo de A Pobra que contan coa colaboración da Asociación Mar da Pobra.

O alumnado da EEI Fernández Varela iniciou esta toma de contacto co mundo do marisqueo no Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal. Alí, unha das técnicas de Turismo do Concello faloulles sobre o desenvolvemento da actividade marisqueira, nunha exposición que se complementou cunha peza audiovisual onde os rapaces puideron ver o proceso completo ao que son sometidos os bivalvos desde a súa extracción ata que se empregan como produto base de receitas de cociña.

Posteriormente, os cativos puideron constatar e ver de primeira man, das propias mariscadoras, na praia dos Raposiños, como se conseguen os recursos marisqueiros do litoral do municipio.

Esta iniciativa, impulsada pola Concellería de Cultura, está dirixida, segundo explicou a concelleria Charo Varela, aos centros educativos de toda Galicia. O obxectivo é “achegarlles ás novas xeracións o oficio das mariscadoras e fomentalo respecto polo mar, polo traballo neste eido e polo medio natural, ao tempo que se contribúe á desestacionalización da demanda turística”, por iso convidou a todas as escolas e centros educativos da comunidade a participar nestes obradoiros.