Sábado. 18.05.2024

O Concello da Pobra e o texido asociativo do municipio aunaron forzas para a organización de diferentes accións culturais encamiñadas a amosar a solidariedade co pobo ucraíno e a recadar fondos destinados ás organizacións especializadas que traballan sobre o terreo.  

O teatro cine Elma será o epicentro das iniciativas culturais solidarias, no cal se instalará unha urna onde as persoas que así o consideren poidan facer as súas doazóns económicas. As actiovidades desenvolveranse o 2, o 3 e o 9 de abril con festivais tradicionais e unha obra de teatro, según anunciaron durante a presentación o alcalde da Pobra, Xosé Lois Piñeiro, a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e os representantes de diferentes asociacións culturais da localidade Mariló Ríos (Eiradela), Rosario Rodríguez (Asociación Amas de Casa), María González (Xiada), Eva Boo (Arrancadeira) e Rafa Figueroa (Banda Ateneo Musical e Escola de Música da Pobra).

Así, o sábado 2 de abril (20.00 horas) iníciase o programa co festival tradicional a cargo de Arrancadeira, Eiradela, Xiada, Camariñas, Trécola e Caraveiros. O domingo 3 (19.00 horas) é a quenda da obra teatral Un convento moi contento da Asociación Amas de Casa. E péchase o ciclo co festival de bandas o día 9 de abril (20.00 horas) coa banda da Escola de Música da Pobra e a Banda Ateneo Musical.

A entrada é de balde ata completar aforo e desde o departamento de Cultura informan de que se habilitará unha Fila 0 para aquelas persoas que non poidan asistir as actuacións, máis queiran colaborar e dar o seu apoio ao pobo ucraíno.

"É un orgullo participar nun evento deste calibre para xuntar cartos para axudar a Ucraína", asegurou Mariló Ríos de Eiradela, ao tempo que convidou a toda a veciñanza a sumarse ao programa solidario. Pola súa banda, o rexedor Xosé Lois Piñeiro insistiu no conovite para lograr a maior participación da cidadanía e mostrou o rexeitamento total do Concello á invasión rusa en Ucraína.