Sábado. 18.05.2024

O presidente do Xuventú Aguiño, Xosé Manuel Vilas, xunto co rexedor do Concello de Ribeira, Manuel Ruiz, anunciaron que en menos dun mes licitarase a renovación do céspede artificial do Campo da Tasca que ten problemas no subsolo a causa do sustrato. Sería a terceira renovación do terreo de xogo en 20 anos desde que a instalación deportiva municipal foi inaugurada.

O alcalde lembrou que este era un dos compromisos que resultaron do acordo acadado polo goberno local para a aprobación dos orzamentos de 2021. Ruiz tamén explicou que a xunta directiva do club decidiu rematar no Campo da Tasca a tempada, para evitar complicacións loxísticas, a pesar dos problemas que sofre o terreo de xogo. Neste sentido, o Concello ofreceu ao club empregar un dos tres campos de fútbol de herba artificial do municipio en Oleiros, Carreira e A Fieiteira, máis a directiva do club preferiu quedar en Aguiño.

Os técnicos efectuaron a supervisión das instalacións e localizaron a orixe das deficiencias no subsolo do campo e que estaban no sustrato empregado. As obras de renovación do céspede realizaranse durante os meses de verán, que tamén se aproveitarán para realizar melloras nas instalacións como nos vestiarios ou na cuberta.