Sábado. 27.07.2024

O Concello de Boiro instalará unha gran áncora na nova glorieta da Avenida da Constitución. A eliminación dos semáforos e instalación da glorieta estanse a realizar no marco das obras de renovación de beirarrúas e servizos na Avenida de Barraña con cargo ao POS+ da Deputación da Coruña. O alcalde, José Ramón Romero, e o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Carlos Muñiz, falaron máis polo miúdo das actuacións.

As actuacións que se pretenden levar a cabo teñen como finalidade mellorar as condicións de seguridade viaria, favorecer a mobilidade alternativa cun tramo de carril bici e renovar os servizos de recollida de pluviais e iluminación. O proxecto contempla tamén a execución dunha glorieta na intersección da Avenida da Constitución coa Avenida de Barraña que xa está de proba para comprobar o seu funcionamento.

O proxecto contempla a renovación integral da Avenida de Barraña no tramo comprendido entre a nova glorieta e rúa Vimieiro, que presenta numerosas deficiencias funcionais nas beirarrúas, na rede de recollida de pluviais e na rede soterrada de alumeado público. Vanse executar novas beirarrúas e un espazo específico para a mobilidade alternativa mediante a creación dunha primeira fase de carril bici e tamén pasos de peóns elevados para mellorar a accesibilidade e realizar un control de velocidade nese tramo.

O proxecto completase coa execución da nova glorieta que estará ornamentada cunha gran áncora. “Este elemento é un recoñecemento aos navegantes, que tiveron e teñen unha gran importancia no crecemento e desenvolvemento económico do noso pobo”, afirmou o alcalde, José Ramón Romero.

O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Carlos Muñiz, mencionou a gran importancia do mar e de todas as persoas que traballaron o mar para o desenvolvemento económico e social xa que “Boiro é un pobo de navegantes e esta áncora dun buque petroleiro, que foi doada pola familia Fajardo López, é un recoñecemento a todas elas”.


 

Unha gran áncora adornará a nova glorieta da Avenida da Constitución en homenaxe aos...