Sábado. 18.05.2024

O Noia Portus Apóstoli non puido pechar de mellor maneira a tempada sumando, ao título de Liga e ao ascenso á Primeira División de fútbol sala, a Copa de Galicia, despois de vencer na quenda de penaltis ao Parrulo Ferrol no Día das Letras Galegas.

O pavillón A Raña de Marín acolleu a final que estivo igualada en todo momento e que chegou ao descanso co marcador 1-1, despois dos dous tantos de Adri, o primeiro de penalti para o seu equipo, o Parrulo, e o segundo para o Noia en propia porta. Á volta dos vestiarios, o partido mantivo a mesma tónica, un duelo de moitas precaucións e poucos goles. O árbitro pitou e un 2-2 lucía no electrónico, polo que a final metíase na prórroga. O añadido foi un reflexo do resto do encontro, na primeira parte ambos equipos anotaron un gol (3-3), e na segunda o marcador xa non se moveu máis. Todo se decidiría aos penaltis.

Os ferrolanos non estiveron moi acertados nos seus lanzamentos, errando Pedro e Adri, o que daba o triunfo desta nova edición da Copa Galicia ao Noia, a pesar do desacerto de Joakin no seu disparo. O Noia Portus Apóstoli poñía así a guinda a unha tempada espectacular, na que gañou a Liga e logrou o ascenso á máxima categoría do fútbol sala cando restaban cinco xornadas para o final do campionato regular.

O alcalde de Noia, Santiago Freire, e a concelleira de Deportes, Laura Salgado, volveron recibir á plantilla do Portus Apóstoli só unha semana despois de acadar o título de Liga, e o rexedor aproveitou para felicitalos, pola Copa Galicia e pola impecable tempada, e dexesoulles “unhas boas vacacións que son máis que merecidas”.