Sábado. 27.07.2024

A deportista de Boiro de 20 anos, Alma Pérez, conseguiu a medalla de prata no Campionato de Europa sénior de taekwondo, no que realizou unha actuación brillante despois de acariñar o ouro nunha final moi igualada ante a deportista turca Zeliha Agris que previamente eliminou á número un, a xermana Ela Aydin.  

Alma Pérez (-53Qg), do ximnaxio Suh Sport de Boiro, demostrou a súa destreza e confianza xa desde o seu primeiro combate, na segunda ronda xa que non disputou a primeira por ser cabeza de serie, e no que se impuxo con autoridade á deportista chipriota Markella Teggeri por un 18-3 o que lle permitiu acceder aos cuartos de final do campionato. Nesta fase compartiu tatami coa lituana Gerda Tininkaite no que foi un combate que seguiu a tónica do anterior, e o bo facer de Alma, a pesar de recibir un forte golpe na cara, deulle a vitoria ante a lituana (13-4), garantizando a consecución dunha medalla. 

Nas semifinais, a boirense enfrontouse á croata Ivana Duvanncic que viña de eliminar á dobre medallista olímpica, a serbia Tijana Bogdanović. Aínda así, a galega demostrou estar a un nivel incrible e venceu de novo de xeito contundente rematando cunha puntuación de 15-5 ao seu favor, e conseguindo o billete para a final.

A deportista de Turquía Zeliha Agris, que eliminou á número un, a xermana Ela Aydin, era a derradeira pegada para coroarse nun Europeo no que Alma Pérez mostrou o seu mellor taekwondo. A final estivo moi igualada en todo momento, mesmo a galega foi por diante do marcador durante case todo o combate ata que, no terceiro asalto Agris superou a Alma, á que xa lle foi imposible remontar (6-8). Alma Pérez acadou así unha importante medalla de prata con moito sabor a ouro.