Sábado. 18.05.2024

O Concello de Muros organiza a vindeira semana, do 11 ao 15 de abril no Muíño das Mareas do Pozo de Cachón un ciclo de obradoiros participativos para todas as idades sobre artesanía galega, e que teñen como obxecto a difusión do valor engadido dos produtos artesáns.

Así, o programa, que será de balde e sen inscripción previa, ofrece un obradoiro de bordado sobre postais, impartido por Minia Banet do estudio Variopinto e que se desenvolverá en varias sesións os días 11,12,13 e 14 de abril de 11.30 a 13.30 horas e de 17.00 a 20.00 horas. Os participantes aprenderán a bordar sobre papel intervindo antigas imaxes de Muros e a súa contorna.

Xiana Cobo, será a encargada de impartir o obradoiro sobre estampaxe manual textil no que se empregará a técnica por bloques, unha das máis antigas da estampación de tecidos. Será os días 12, 13, 14 e 15, tamén de 11.30 a 13.30 horas e de 17.00 a 20.00 horas.

O outro dos tres obradoiros será un taller de pintura sobre madeira impartido por Leonor Díaz de Como pez en el agua e durante o cal os participantes decorarán con pintura acrílica discos de madeira para colgar con debuxos inspirados no mar, a natureza e o que xurda da imaxinación.