Domingo. 05.05.2024

As edís do Concello de Ribeira Ana Barreiro, Juana Brión e María Sampedro tiveron un encontro de traballo cos representantes das distintas entidades que son usuarias do edificio do Conservatorio de Aguiño para consultar e consensuar posibles actuacións a emprender no inmoble ante o lanzamento de axudas dirixidas á mellora da eficiencia enerxética nos edificios públicos.

En concreto, o Executivo pretende presentar unha proposta arquitectónica á convocatoria por parte do Ministerio de Transporte de Mobilidade e Axenda Urbana do PIREB: o Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos de Entidades Locais, que conta cun orzamento de 600 millóns de euros. Este programa ten por obxecto reducir, alo menos, un 30% o consumo de enerxía primaria non renovable e potenciar a habitabilidade mellorando a accesibilidade física, cognitiva ou sensorial dos inmobles e o mantemento e a sustentabilidade ambiental de todo tipo de edificios de uso público.

O Concello está levando a cabo outras melloras da eficiencia enerxética en infraestruturas municipais como é o caso da UAD (unha intervención a piques de rematar), do Conservatorio Municipal de Ribeira ou do Centro Social de Corrubedo: dúas actuacións estas últimas que foron adxudicadas recentemente e están pendentes de que comecen as obras.