Sábado. 18.05.2024
O Concello de Ribeira creará un novo e moderno Espazo Deportivo Urbano co que satisfacer a demanda en especialidades como o skate, o bmx, o roller e o scooter.

A nova infraestrutura, de 432 metros cadrados de superficie, sitúase sobre unha parcela municipal de 480 metros cadrados situada en Fontán, a 200 metros do Paseo Marítimo do Touro e na contorna da nova Comisaría e do novo Punto de Encontro Familiar.

O proxecto foi redactado por Daniel Yábar, un prestixioso arquitecto alacantina especializado neste tipo de instalacións, responsable de actuacións como o Skatepark de Santa Lucía en Vitoria, a Skateplaza de Logroño, o Skatepark Parque de la Granja en Tenerife ou o Bowl Vía Hispanidad de Zaragoza.

Segundo o documento técnico, vaise construír un skatepark in situ a base de formigón gunitado cunha zona de rúa e outra de rampa que estará integrada na paisaxe, constituíndo ademais unha aposta por un urbanismo inclusivo. Disporá de diversos elementos que darán as delicias dos afeccionados aos deportes urbanos: pirámide, duna, hip, miniramp, corner, etc...

Completarán a intervención a colocación de papeleiras, bancos, aparcabicis e instalación das columnas e proxectores.

O orzamento base de licitación é de 150.409,50 euros e o prazo de execución de tres meses. En breve arrancará o prazo de presentación de ofertas.