Sábado. 18.05.2024

O Concello de Ribeira vén de anunciar a recuperación dos tradicionais campamentos municipais para favorecer a conciliación das familias durante as vacacións, e que pola pandemia non se puideron organizar nos últimos dous anos, nos que o Concello optou por outras alternativas acordes coas medidas sanitarias e de seguridade.

Así, o Concello acaba de abrir o prazo para a presentación das ofertas para a licitación da contratación dos campamentos de verán e de Nadal deste ano e do 2023, e que serán prorrogables por outros dous períodos de un en un. As empresas interesadas deberán presentar as súas solicitudes antes do 26 de abril ás 00.00 horas a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX).

O orzamento base de licitación é de 95.999,75 euros, e o sistema de adxudicación será por procedemento aberto, empregando unha pluralidade de criterios en base á mellor relación calidade-prezo. En canto á oferta técnica se valorarán os proxectos educativos e de ocio atendendo aos seus contidos pedagóxicos, organización do servizo e eficacia do programa. E puntuarán outros factores como a promoción de hábitos saudables, emprego de novas tecnoloxías, contidos ambientais, patrimoniais e artísticos, a innovación nos contidos, ou a igualdade, a corresponsabilidade e outros valores sociais. 

Os campamentos están pensados para nenas e nenos con idades entre os 3 e os 13 anos, e son os seguintes: Xoga con Nós, Camp of Cultural Summer, Campamento Urbano e Nadal Concilia. O número total de prazas ofertadas é de 550.