Martes. 14.05.2024

O Concello de Boiro recibiu da Secretaría Xeral de Industria, dependente do Ministerio de Industria e Turismo, unha subvención destinada ao impulso comercial mediante fondos Next Generation. O importe da subvención é de 237.641 euros e os obxectivos da mesma son apoiar e impulsar melloras na modernización mediante a transformación dixital sostible nos mercados municipais.

A través desta liña de axudas o Concello de Boiro vai levar a cabo unha serie de actuacións e melloras para o Mercado Municipal de Boiro e no comercio local do municipio. Entre as actuacións que se contemplan están unha reforma integral do mercado, a implantación de sistemas de recollida e reciclaxe de envases, a instalación de puntos wifi e puntos de recarga de vehículos eléctricos ou bonos para os comercios.

Con esta subvención os comercios locais poderán beneficiarse tamén de formación en marketing dixital ou posicionamento SEO para implementar nos seus negocios, así como de actividades para a promoción do comercio. “O sector comercial e de servizos ten un peso importante no municipio e queremos que seguir traballando para que o comercio de Boiro manteña a súa influencia“, afirmou o alcalde, José Ramón Romero.

Todas as actuacións vanse desenvolver durante o ano 2022 e están cofinanciadas polo Concello de Boiro e o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, mediante os Fondos Next Generation da Unión Europea.