Sábado. 18.05.2024

Os clubes do concello de Noia están de noraboa. Se a semana pasada o Noia Portus Apostoli de fútbol sala acadaba o título e o ascenso a Primeira División, esta fin de semana foi a quenda das xogadoras do Club de Fútbol Noia, da Segunda División da Liga Galega, que con só tres anos de traxectoria na categoría acaban de lograr o seu primeiro título de Liga.

As xogadoras afrontaron o penúltimo partido do campionato a sabendas de que unha victoria ante o Cacheiras permitiría ás noiesas cantar o alirón. Foi un encontro moi cómodo para o Noia, e en tan só 19 minutos xa ía 3-0 no marcador grazas ao hat trick de Xulia. O Noia foi ao descanso cun contundente 5-0 no electrónico con goles de Celia no 28, e de Malania a cinco minutos do remate da primeira parte.

A plantilla saíu no segundo tempo convencida de que o título xa estaba aí, no horizonte. As xogadoras non se relaxaron, e no minuto 60, Diana poñía o sexto no marcador. No minuto oitenta, o Cacheiras anotaba o gol da honra por medio de Alba. E, a catro minutos do final, Sandra pechaba o partido co sétimo gol do Noia, que proclamábase así campión de Liga do seu grupo. Un éxito moi importante, xa que a formación do Barbanza só leva tres anos na categoría. Agora, a seguir sumando.