Sábado. 18.05.2024

Un cento de artista da comarca expoñen, desde mediados do mes de marzo, as súas obras no Museo do Gravado de Artes, en Ribeira, no marco do Encontro de Creadores e Creadoras do Barbanza. A iniciativa a conforman a mostra BarbantiaRte VIII (salas 0 e 1) e Unha manda de pezas para Isaac Díaz Pardo de Xente do Barbanza (sala 2).

A mostra BarbantiaRte é o resultado da colaboración entre o Concello de Ribeira, o Museo do Gravado de Artes, e a Asociación Cultural Barbantia, e que busca amosar aos habitantes da península do Barbanza a súa riqueza, asemade dar un espaldarazo aos artistas da comarca en todas as disciplinas: pintura, escultura, videocreación, gravado, fotografía, ilustración... Un amplio elenco de creacións que se distribúen nuns cen expositores.

Tamén, o Encontro conta cunha sala en homenaxe a Isaac Díaz Pardo, onde os visitantes poderán ver unha mostra dos traballos que nunca foron expostos ao público e que os artistas do Barbanza fixeron durante os anos 2020 e 2021. 

Poderán contemplarse as obras de artistas como Alfonso Costa, Manuel Ayaso, Xulio Gil, Paola García, Xosé Luis Veiras, Paco Casal, Che Tembra, Domingo Regueira ou Soledad Penalta, ademais de expoñerse os debuxos do libro Unha prexa de dibuxos feitos por Isaac Díaz Pardo de Xente do seu rueiro (1956) propiedade do Museo do Gravado.

Durante o Encontro organizouse tamén unha mesa redonda arredor do pintor, artista e intelectual compostelano e na que tomaron parte o seu fillo Xosé Díaz, a escultora Soledad Penalta, Héitor Picallo do colectivo Alento Esbravexo, o historiador e crítico de arte Carlos L. Bernárdez e a concelleira de Ribeira, María José Sampedro.