Sábado. 27.07.2024

O Concello de Boiro e a Irmandade Cristo da Misericordia sumaron forzas para a recuperación dos actos de Semana Santa que foron suspendidos durante os dous últimos anos por mor da pandemia, así o anunciaron ambas institucións durante a presentación do programa 2022 de actividades, na que participaron a concelleira de Cultura, María Outeiral; Plácido Amboage, membro da Irmandade, e o párroco de Boiro, Julio Cárdenas Torres.

O programa, moi similar ao das últimas edicións, iniciáse coa lectura do pregón, o venres 8 de abril, e correrá a cargo do bispo auxiliar de Santiago de Compostela, Francisco José Prieto Fernández. Ese mesmo día, tamén terá lugar a entrega de medallas aos novos cofrades e a tradicional procesión da irmandade polas rúas da vila do Brabanza.

Os actos seguirán o Domingo de Ramos coa bendición dos mesmos a partir das 11.00 horas, pechando a Semana Santa o Xoves e Venres Santo coas procesións. 

Por outra banda, a Concellería de Educación organiza durante as vacacións de Semana Santa un obradoiro de actividades para facilitar a conciliación das familias durante estas datas, ofrecendo unha alternativa lúdica para os rapaces do concello. O obradoiro terá un horario de 10.30 a 13.30 horas os días 11, 12 e 13 de abril no Centro Social de Cabo de Cruz e ofértanse un total de 24 prazas nos distintos rangos de idade: de 3 a 6 anos, e de 7 a 12 anos. As inscripcións están abertas e hai que realizalas a través do Rexistro Xeral do Concello que está aberto, de luns a venres, de 9.00 a 13.30 horas, ou ben na sede electrónica. As bases e os impresos de inscripción pódense atopar na web do Concello.