Sábado. 27.07.2024

O Concello de Boiro vén de aprobar a execución dun Plan de Mobilidade (PMUS) para o municipio. O obxecto deste proxecto é establecer unha estratexia orientada á mellora da mobilidade no municipio así como mellorar a súa competitividade e equidade, aumentando a seguridade e a calidade de vida dos cidadáns.

O estudo para o Plan de Mobilidade vaise levar a cabo en distintas fases. A primeira delas será unha toma de datos, mostras e análises, para o que sa van instalar medidores de capacidade en distintas estradas do termo municipal e así cuantificar o número de vehículos e a súa tipoloxía. Vanse realizar tamén enquisas á poboación, a centros de viaxeiros e de ensino e tamén grandes empresas e o sector comercial.

“O obxectivo que queremos levar a cabo coa elaboración deste Plan de Mobilidade é sentar as bases para traballar no aumento dos quilómetros de carril bici, a mellora da accesibilidade e impulsar a mobilidade sostible no municipio”, afirmou o alcalde José Ramón Romero. Os traballos de análise estenderanse durante os vindeiros catro meses e o documento resultante deberá ser aprobado polo Pleno da Coorporación.