Sábado. 27.07.2024

O Concello de Boiro recibe un importe de 52.000,00 euros para a contratación de persoal mediante as axudas á contratación de persoal para a execución de obras e servizos nos concellos da provincia durante o exercicio 2022 (PEL-Concellos) que convoca a Deputación da Coruña.

Este importe, sumado á aportación municipal, vaise destinar á contratación de 7 peóns durante 5 meses a xornada completa, mediante os que se reforzarán os departamentos municipais que traballan en servizos básicos. O persoal contratado polo Concello de Boiro estará ligado a tarefas limpeza viaria, recollida de residuos, mellora de accesos a núcleos de poboación ou parques públicos.

O Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña ten como obxectivo acadar uns maiores niveis de desenvolvemento económico, calidade de emprego, benestar social e cohesión do territorio. O Concello de Boiro, mediante a súa participación neste programa, busca fomentar o emprego e a empregabilidade mediante a contratación de persoal en situación de exclusión laboral, así como reforzar os departamentos municipais dedicados aos servizos básicos como é a limpeza e o mantemento de espazos públicos.

O persoal a contratar debe estar en situación de desemprego e atoparse nalgunha situación de exclusión laboral como ser maior de 45 anos, estar en situación de desemprego de longa duración, situación de discapacidade, vítima de violencia, situación de drogodependencia... o proceso selectivo abrirá nas próximas semanas e as bases estarán publicadas na web municipal a disposición das persoas interesadas.