Sábado. 18.05.2024

Concello de Ribeira vén de solicitar a súa adhesión á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes: unha entidade instituída no 2018 polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo que ten como obxectivo liderar o desenvolvemento do sector turístico a través da innovación e a tecnoloxía e desde a sustentabilidade.

 Esta Rede está formada a día de hoxe por máis de 250 membros (entre concellos, asociacións, fundacións, deputacións, mancomunidades, comarcas, empresas públicas, organismos nacionais e colaboradores). Coa súa integración Ribeira persegue beneficiarse da promoción de sinerxías e da transferencia de coñecementos que se produce no seu seo, contribuíndo con isto a mellorar as potencialidades do noso municipio como destino turístico, o cal —cómpre recordar— foi seleccionado para a posta en marcha dun Plan de Turismo Sustentable entre os anos 2022 e 2023 cofinanciado con fondos europeos Next Generation.

A Rede actúa tanto cun enfoque interno (realizando accións de asesoramento e promovendo o intercambio de experiencias e boas prácticas entre os seus membros) como externo (dando visibilidade aos destinos turísticos intelixentes nos ámbitos nacional e internacional e contribuíndo a poñer de manifesto o liderazgo de España en intelixencia turística).