Domingo. 03.03.2024

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou na presentación do libro Coa música a outra parte.125 Aniversario da Banda de Música de Antas de Ulla, unha recompilación da historia e da traxectoria da agrupación realizada por Eduardo Salgado Coego e José Manuel Salgado Mosqueraque foi posible grazas ao financiamento da Deputación de Lugo.

O libro relata ao longo das súas 144 páxinas a historia da banda de música de Antas, dende as orixes da formación a finais do século XIX. Ademais, dá conta dos seus integrantes ao longo destes 125 anos, dos temas máis populares nas diferentes décadas e recolle numerosas anécdotas da formación. A publicación tamén recupera as fotografías máis antigas da banda, partituras e documentos que relatan por si mesmos a pegada que esta formación musical tivo ao longo da súa historia non só no concello, na comarca e na provincia, senón en toda Galicia.

A Deputación de Lugo investiu un total de 15.423€ para a publicación deste libro, cunha tirada de 1.000 exemplares, a organización dunha exposición sobre o aniversario da banda e dous vídeos que documentan tamén ese percorrido da historia da formación realizados polo Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo. A maiores, a institución provincial colaborou con 18.000€ para a celebración dos distintos actos conmemorativos do seu aniversario, chegando deste xeito o total das achegas a preto de 36.000€.

A Banda de Música de Antas de Ulla fundouse en 1896 e mantivo de forma ininterrompida a súa actividade ata a Guerra Civil, cando se disolveu, retomándose o proxecto a principios dos anos 80. Trátase dunha das formacións máis antigas de Galicia e é unha embaixadora de primeiro nivel para a promoción do concello de Antas, da comarca da Ulloa e da provincia de Lugo, que contribúe a conservar e poñer en valor a cultura.

O concello de Antas de Ulla, non mandou representación institucional a este acto.