Domingo. 05.05.2024

O voceiro do PSOE de Taboada, Roi Rigueira avanzou que a veciñanza de Taboada recibe máis de 330.000 euros da Deputación de Lugo para mellorar os camiños e accesos municipais,  o servicio de axuda a domicilio e a creación de cinco postos de traballo na vila. Así o dixo trala aprobación na sesión plenaria extraordinaria do acordo de adhesión do Concello de Taboada do Plan Único da Deputación de Lugo 2022.

Rigueira remarcou que “este investimento contribuirá a mellorar as infraestruturas viarias municipais, realizar obras en diversas instalacións públicas e deportivas, así como incentivar a creación de emprego. E no eido dos servicios sociais, tan necesarios nestes tempos de pandemia, permitirá reforzar o sistema de axuda no domicilio e contratar persoal para atender a demanda existente”, expuxo.

Con cargo a este orzamento do organismo provincial, realizaranse a pavimentación de accesos nos seguintes puntos; O Curro, Fontefría, Igrexa de San Pedro de Bembibre, A Seara, Valboa, Quinzán, Montecelos, e na Rúa Nova en Taboada.

Tamén haberá obras de afirmado e pavimentación de accesos en varios puntos do Concello. Concretamente en dous tramos en San Martiño de Couto, noutros dous tramos de Maxal, así como na Facha e en Sonán. Esta inversión inclúe tamén melloras no acceso a ribeiras de Sobrecedo (zona de Valdomende), e no acceso a ribeiras en Mourulle e na zona do Clube Náutico.

MELLORAS DEPORTIVAS

As instalacións deportivas de Taboada tamén están incluídas no Plan Único, “xa que se realizarán obras de mellora nos vestiarios do campo de fútbol da Medela-Xosé Anxo Varela "Canti", ademais dun cambio parcial na cuberta no Pavillón Municipal de Deportes”, explicou o Voceiro.

SAF

No que atinxe aos servicios sociais, o Concello de Taboada poderá investir un montante económico de máis de 24.000 euros destinado ao servicio de axuda ao fogar (SAF), para contratar persoal e responder á demanda existente na vila.

EMPREGO

Por último, na creación de emprego, a través do Programa Fomento de Emprego da Deputación, “permitirá contratar a tres peóns a xornada completa durante 6 meses, e tamén a dous 2 oficiais a xornada completa durante 6 meses”, remarcou Roi Rigueira.